SATÉLITES TERRESTRES E AS SÚAS ÓRBITAS

OBXECTIVOS

  • Aplicar as ecuacións básicas para determinar os parámetros orbitais dun satélite.
  • Coñecer os diferentes tipos de satélites terrestres en función da súa órbita.
  • Utilizar fontes de información para atopar os datos sobre algún dos satélites que orbitan a Terra.
  • Coñecer a utilización dos diferentes tipos de satélite.

FUNDAMENTO TEÓRICO

Como poderás observar na simulación (http://www.stuffin.space) hai moitos tipos de órbitas para colocar os satélites no espazo. Pero hai 5 tipos que son os mais usados.

LEO: Low Earth Orbit.

Comunmente coñecida como “orbita baixa”, que é unha ampla rexión que se sitúa entre os 160 km e os 2000 km de altura. Como a velocidade é maior canto mais baixa sexa a órbita, os obxectos móvense a gran velocidade respecto da superficie terrestre. Como están “rozando” as capas exteriores da atmosfera terrestre, teñen un rápido decaemento orbital e precisan ser reposicionados con frecuencia para retornar á orbita correcta.

Neste grupo atópase a Estación Espacial Internacional, a maioría dos satélites meteorolóxicos ou de observación e moitos satélites de comunicacións.

MEO: Medium Earth Orbit.

Órbita circular intermedia, entre 2.000 e 36.000 Km de distancia da superficie terrestre, cun período orbital medio de varias horas. Usada por satélites de observación, defensa e posicionamento, como as redes de satélites de GPS e os satélites Glonass rusos ou os Galileo europeos.

Un tipo especial de órbita intermedia é a órbita Molnya, especialmente usada polos países próximos ao círculo polar ártico. Esta órbita é moi elíptica e moi inclinada, para ter alta visibilidade desde as zonas polares, permitindo aos países nórdicos establecer satélites de comunicacións en zonas onde os xeoestacionarios non poden chegar.

GEO: Geoestationary Orbit.

Probablemente sexa a órbita mais coñecida de todas: a órbita xeoestacionaria. Esta órbita ecuatorial sitúase a 35.786 km da superficie terrestre, cun período orbital de 23,93446 horas (coincidindo coa duración do día sideral), o que fai que os satélites situados nesta órbita parezan “inmóbiles” no espazo, ao rotar coa mesma velocidade angular que a terra. Esta órbita é o lugar onde se sitúan todos os satélites que transmiten os sinais de internet, televisión, telefonía e datos ás distintas rexións do planeta.

HEO: High Earth Orbit.

Básicamente, son todas as órbitas altas, que se sitúan máis aló das órbitas xeoestacionarias, a máis de 36.000 Km e con períodos orbitais maiores a 24 horas. Moitos deles son de uso militar.

SSO: Sun Sincronous Orbit

A órbita sincrónica solar é un caso particular de órbita polar, que permite que un obxecto situado nela, pase todos os días sobre un determinado lugar á mesma hora. É unha órbita empregada en observación e meteoroloxía.

PROCEDEMENTO

O procedemento é aberto para que cada alumno/a poida analizar o satélite que máis lle interese.

Mediante o simulador (http://www.stuffin.space) pódense obter valores do:

– Apoxeo
– Perixeo
– Altitude
– Velocidade orbital
– Periodo

CUESTIÓNS

  1. Determinar o tipo de órbita e analizar unha posible aplicación do satélite.
  2. Calcular a velocidade no apoxeo e perixeo.
  3. Calcular o período orbital e compáralo co dato recollido da simulación.
  4. Calcular a enerxía mecánica total.
  5. Determinar a velocidade areolar e comprobar a súa constancia na órbita.
  6. Determinar a velocidade de escape.

 

Anuncios